InicioCultura"Definiuse o rural polas carencias. O despoboamento é parte dun proxecto, non...

“Definiuse o rural polas carencias. O despoboamento é parte dun proxecto, non é inevitable”

Alba Díaz Geada, especialista en historia agraria e política do mundo rural, falará sobre emigración e o declive das aldeas este sábado en Riotorto

Publicada o

- Advertisement -

Por que quedamos tan poucos? Arredor desta pregunta, que apunta ao despoboamento do rural, debate este sábado a veciñanza de Santa Comba da Órrea, no concello de Riotorto.

A parroquia é un paradigma das consecuencias que a emigración cara as zonas industriais e urbanas do Estado español e do resto de Europa na segunda metade do século pasado tivo na demografía e tamén noutros aspectos da configuración das comunidades rurais.

Esta temática centrará o relatorio de Alba Díaz Geada, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia Contemporánea que dedica a súa actividade investigadora ao estudo dos cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición.

En que período se concentra a saída de poboación do rural?

Trátase dun proceso de longo percorrido, se ben a intensificación do mesmo pode situarse a partir da segunda metade do século XX. Pasados os momentos máis duros da posguerra, entre as décadas dos cincuenta e os setenta, increméntase a migración cara distintas zonas industriais dalgunhas cidades europeas, do Estado español ou do propio ámbito galego.

AS CAUSAS DO “ÉXODO”

Que circunstancias concurriron para que se producise ese despoboamento?

Non é sinxelo respostar esta pregunta, que en si evidencia a complexidade dun proceso no que existen moitos elementos involucrados, de maneira interrelacionada e a distintas escalas. Houbo, de certo, moitas formas distintas de pensar os movementos poboacionais e os procesos de despoboamento.

Durante a segunda posguerra mundial, foise conformando unha forma de comprender o desenvolvemento segundo a cal, para unha sociedade, ser “moderna” debía reducir a súa porcentaxe de poboación activa agraria. Cumpría, entón, contribuír á especialización produtiva das explotacións consideradas “viables”, e convidar ás “sobrantes” a tornar man de obra barata para unha industria en crecemento.

Mirando desde o micro, atoparemos diversas situacións sociais, familiares e individuais, así como diferenzas de clase, de xénero, de idade, e tamén territoriais, que tamén interveñen e enriquecen a explicación do proceso.

“Para uns, o éxodo foi unha consecuencia non querida do desenvolvemento. Para outros, un paso imprescindible na construción dunha sociedade de consumo”

O despoboamento foi algo inevitable ou parte dun proxecto económico e político?

Coido que foi parte dun proxecto económico e político. Hai moitas formas de expulsar, non todas igual de evidentes. Durante as primeiras décadas da ditadura franquista, á evocación retórica do campesiñado como gardián da raza, contrapoñíanse políticas como a reforestación forzada ou a construción de grandes presas, que acabaron con aldeas enteiras.

Durante a fase tecnocrática do réxime, deixou de apelarse ó agro como fonte das esencias patrias para comezar a pensalo como un sector económico máis, que debía ser rendible e adaptarse ás demandas do mercado mundial. Para certos ollares o éxodo foi unha consecuencia non querida do desenvolvemento. Para outros, un paso imprescindible na construción dunha sociedade de consumo.

Tratouse, en todo caso, dun proceso histórico e non natural, como folla que cae da árbore. Que poidamos observalo en moitas sociedades dese tempo, en contextos políticos distintos, non implica que poidese non ter sido, nin que non poidese ter sido doutro xeito.

DESARTICULACIÓN DAS COMUNIDADES

Máis aló da cuestión demográfica, que cambiou no rural coa saída da poboación?

Esa segunda posguerra mundial na que situamos a agudización dos movementos do campo á cidade, é tamén o tempo do que algúns cientistas sociais pensaron como a “morte do campesiñado”. É unha etapa de mudanzas profundas na organización produtiva e reprodutiva das comunidades rurais, cando menos en boa parte do contexto occidental.

Os movementos poboacionais de comezos do século XX, for cara a sega a Castela ou alén mar, vinculábanse a comunidades vivas, que buscaban as maneiras de reproducir a súa vida material e inmaterial.

As migracións dos anos sesenta, sen embargo, danse nun contexto de crecente desarticulación comunitaria, de maneira que mudan as súas implicacións colectivas, como tamén mudan os significados do seu retorno.

“Na conformación das sociedades contemporáneas deuse un progresivo esfarelamento do colectivo en favor da sacralización do individual”

PERDAS E GANANCIAS

Que perdemos nese proceso de transformación? E que gañamos?

Supoño que o perder e o gañar, como os fracasos e os éxitos, son palabras sempre relativas. Un dos procesos que coido subxace á conformación das sociedades capitalistas contemporáneas é o progresivo esfarelamento do colectivo en favor da sacralización do individual.

Cartel do evento. AXM

Naquelas sociedades campesiñas que facían en común, das que aínda non acabamos de deixar de ser parte, recreábanse formas de coñecer, de relacionarse, de coidarse, que historicamente permitiron articular resistencias contra políticas expropiadoras, e que, mesmo como restos de naufraxio, poden permitirnos seguir á boia ou comezar a construír un novo bote…

ATRASO FRONTE A PROGRESO

Tes exposto que na análise dese proceso de transformación se impuxo a idea que asocia o rural con atraso, en oposición a progreso, e cuestionas ese esquema, por que?

Esas mesmas décadas do mediar do século XX son tamén as da construción histórica da teoría da modernización, como unha teoría do desenvolvemento que categorizaba as sociedades en distintos tipos e pautaba os pasos a seguir desde as chamadas sociedades “tradicionais” á meta das sociedades de consumo capitalistas.

No tempo da Guerra Fría, desde a potencia hexemónica do bloque capitalista arguméntase o “subdesenvolvemento” para xustificar unha determinada estratexia político-militar. Porque acontecía que, nos países do chamado Terceiro Mundo, os campesiños andaban a facer a revolución. E desde esas periferias, a noción do atraso é reapropiada. O subdesenvolvemento, explicarán os teóricos da Dependencia, non é causa senón consecuencia. Da explotación. Do expolio.

Por iso cómpre atender ó uso dos conceptos na súa historicidade. Aínda que as miradas modernizadoras foron xa cuestionadas desde os seus inicios, a dualidade atraso-progreso segue a operar en moitos discursos e, retomo a pregunta anterior, trátase dunha aproximación dicotómica que nos atrapa no pensamento do único e do inevitable.

“a dualidade atraso-progreso segue a operar en moitos discursos e atrápanos no pensamento único”

PREXUÍZOS

Os que marcharon viviron a saída como unha elección entre atraso e progreso?

Non sabería respostar a como poideron ser as distintas vivencias e experiencias das persoas que marcharon. É posible que o discurso do desprezo construído e difundido a través de múltiples canles, como a escola ou os medios de comunicación, tivese unha plasmación vívida nas experiencias individuais e compartidas.

O rural definíase polas carencias. A cidade había traer o progreso, tamén social. É tamén posible que a realidade de cada un e de cada unha, e de todas en conxunto, fose ben máis ambivalente e contraditoria do que o anuncio publicitario tentaba vender.

Como operaron eses prexuízos sobre os que quedaron?

De novo, é difícil e quizais pouco prudente tentar indagar nas subxectividades colectivas. Seguramente precisariamos acudir ás ferramentas da psicoloxía social para axudarnos. Semella claro, con todo, que o prexuízo pesou. Isto ten que ver tamén coa dimensión aculturadora do proxecto modernizador hexemónico.

“a cidade había traer o progreso, tamén social. pode que a realidade fose máis contraditoria do que o anuncio vendía”

E cómpre non esquencer a posición subordinada das comunidades campesiñas, amais das subordinacións internas que as atravesaban. E aínda así, coa carga do prexuízo operando sobre unha cultura obxecto de folclorización ou demolición, as comunidades amosaron deferencia, pero tamén rebeldía.

ALTERNATIVAS

Houbo nesas décadas de transformación brusca movementos sociais ou políticos que cuestionasen a forma na que se estaba a xestionar o rural?

Houbo. Por unha banda, moitas comunidades organizáronse para opoñerse a políticas concretas, caso da repoboación forestal, mesmo nos momentos máis duros da posguerra. Xa nos sesenta, comezou a reconfigurarse un sindicalismo labrego democrático que houbo de redescubrir a memoria dun agrarismo segado pola dictadura xenocida, que acompañou ás comunidades nas súas loitas contra a expropiación das súas terras ou pola recuperación dos montes veciñais.

“Poderían articularse medidas políticas para que os mozos e as mozas poidan escoller quedar ou marchar, ir e volver”

Se repasaramos o programa agrario mínimo do principal sindicato labrego nacionalista, antes aínda de rematar a ditadura, atopariamos entre as súas medidas a reivindicación duns prezos agrarios xustos, o fomento do cooperativismo, o fin dos monopolios comerciais, un equipamento mínimo para todas as parroquias de electricidade, auga corrente, pavimentación, teléfono, medios de transporte e mellora da vivenda, mellora da asistencia sanitaria ou escolas rurais integradas na contorna.

O despoboamento segue avanzando, hai alternativas?

Sempre as hai. Poderían articularse medidas políticas que contribúan a crear as condicións para que os mozos e as mozas poidan escoller quedar ou marchar, ir e volver. Aqueles reclamos que xa se facían cando as aldeas aínda estaban cheas, seguen semellando pertinentes hoxe. Quizais máis, agora que aínda quedan moitas que non están baleiras de todo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...